A pesar de ser unha illa que non ocupa moito espazo no mapa da nosa comunidade, Ons foi sempre un lugar con historia. Xa Plinio no século I, na descrición que realiza sobre a Península Ibérica a cita como ínsula Aunios.
Na illa atopáronse ademais ao longo dos anos restos que nos levan a pensar que houbo asentamentos xa dende o paleolítico. Parte deste monumentos arqueolóxicos (petroglifos, Castro de Canexol, Castro da Loba, Cova dos Mouros, Laxe do Crego…) pódense visitar hoxe na illa.
No ano 899 o rei Afonso III dona a illa ao arcebispo de Santiago de Compostela, que a ten no seu poder ata o século XVI cando pasa a mans da familia Montenegro. Ata a primeira metade do século XX a illa estivo en mans de diferentes casas señoriais. Os veciños estaban obrigados a pagarlles redas polas vivendas e as terras, e incluso a venderlle todo o polbo que pescaban.
Didio Riobó, un descendente da familia burguesa que adquirirá a illa en 1929, foi o último señor da illa. No comezo da guerra civil foi perseguido polas súas ideas republicanas e denunciado por masón, polo que rematou suicidándose na súa propia casa.
Durante a guerra civil a situación de fame e miseria acentuouse na illa debido á súa situación xeográfica. Pero aínda así rexistrouse un aumento da poboación, chegando a falar de 530 habitantes no ano 1955.
No ano 1941 o Estado expropia a illa, que vai pasando ao longo dos anos por distintas administracións do mesmo, ata que no ano 1982 é cedida á Xunta de Galicia.
Hoxe en día a situación non cambiou moito, non teñen que pagar rendas a ningún señor feudal, pero as casas e as terras seguen sen ser da súa propiedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario