Coñece con nós aos habitantes de Ons, unha vida tranquila e illada que se ve alterada no verán coa chegada de miles de turistas

martes, 14 de febrero de 2012

Rodeados de mar

¿Algunha vez vos preguntastes cómo debe ser vivir nunha illa? Lonxe de todo ruído, de toda  contaminación, acompañado sempre desa tranquilidade que ofrece o mar, da soidade, unha soidade compartida sempre cuns poucos veciños, sempre as mesmas caras, a mesma paisaxe ao mirar cada mañá pola ventá…
Vivir sen poder baixar a mercar unha botella de aceite, sen poder baixar ao cine a ver un filme cando se che antolle, con 7 horas ó día de electricidade, tendo o risco de non poder ser atendido en caso de urxencia…  Na illa de Ons, os seus habitantes están acostumados a este xeito de vida e non a cambiarían por ningunha. Non hai comercios, non hai médico, non hai problemas co tráfico, apenas electricidade... Soamente mar, tranquilidade, pesca, agricultura… unha vida baseada no traballo para abastecerse.


O xeito de vida na illa é similar ao de anos atrás. Moitas das comodidades e tecnoloxías da nova sociedade da información e os niveis de consumismo aos que nós estamos tan acostumados, atópanse na illa coas portas pechadas, perdéndose no fondo do mar que a separa. A illa está practicamente incomunicada.
Iremos comprobando ao longo da nosa andaina neste blog, en qué grao os habitantes de Ons están illados, cómo lles afecta o cambio que sofre a illa en verán, cando chegan mareas cargadas de turistas que non ven a illa como un fogar senón como un destino turístico.
Ademais iremos tratando outros temas de relevante importancia e diversos problemas que acontecen actualmente na illa, como a loita que xorde entre as diferentes formas de ver a illa. Por unha banda están os defensores da conservación do parque natural, que pretenden evitar a explotación turística da illa e limitar a pesca, e por outra banda os pescadores, mariscadores e  empresas de transporte de viaxeiros, que se atopan en descontento pola aparición dun novo plan de uso e xestión do Parque, que entre outras medidas establece límites tanto no número de visitas diarias para o turismo como nas posibilidades de pesca.
Outro tema que abordaremos é a loita que manteñen os habitantes por conseguir facerse coas propiedades das casas nas que viven. Así tamén iremos ofrecendo información sobre a vida na illa, os seus habitantes, as repercusións e as vantaxes do turismo, o propio parque natural e a convivencia dos habitantes cos axentes que se encargan do coidado e vixianza do mesmo.
Na seguinte entrada ofreceremos información da illa e do parque natural para que vaiades coñecendo pouco a pouco esta paraxe natural, unha illa que abraia pola beleza das súas praias pero que namora polos seus pequenos recunchos e as súas xentes. Un fogar co que só uns poucos poden contar, unha pequena pedra preciosa das moitas que conforman a nosa terra.

Un pequeno lugar onde as ondas moven as agullas do tempo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario