Coñece con nós aos habitantes de Ons, unha vida tranquila e illada que se ve alterada no verán coa chegada de miles de turistas

Mostrando entradas con la etiqueta situación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta situación. Mostrar todas las entradas

lunes, 27 de febrero de 2012

Chegamos...

Entre “ondiñas veñen e van” chegamos á fermosa illa de Ons. Un hábitat fora do mundanal barullo, un refuxio lonxe da contaminación da cidade. Cantas veces temos ganas de respirar mar… ese aire, aire fresco, cheo de vida, cheo de sal?
Hoxe imos coñecer un pouco máis este peculiar anaquiño de terra, esquecido no medio do Atlántico, un punto máis na inmensidade do océano. Ímonos achegar para darnos conta de que, ao igual que cada pequeno paraíso neste mundo, as súas riquezas, os seus pequenos recunchos máxicos e os animais que a percorren día a día, acaban facendo da illa de Ons un universo por descubrir.

Ons é unha illa que conta cun territorio aproximado de 414 hectáreas de superficie, e que pertence ao municipio de Bueu. Forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia dende o ano 2002, xunto coas Illas Cíes, o arquipélago de Sálvora e o arquipélago de Cortegada.
O ecosistema marítimo e terrestre da illa de Ons alberga unha grande colonia de aves mariñas e unha grande diversidade de fondos mariños. As súas augas son ricas en nutrientes e en osíxeno, polo que son moitos os seres vivos que escollen as costas da illa para vivir. Se pomos rumbo cara Ons é moi probable que golfiños, arroaces e cachalotes sexan os nosos compañeiros de traxecto, mentres gaivotas, patiamarelas, cormoráns moñudos, chovas piquivermellas e vencexos reais agardan a nosa chegada sobrevoando expectantes sobre as praias da illa.

Moitos dos camiños e roteiros da illa lévannos a lugares marabillosos onde as vistas son inigualables. Pasando entre matorrais e cerquiños chegamos ao alto de acantilados fortemente golpeados polo mar, onde a retina dos nosos ollos fixará imaxes que nunca máis poderá borrar.

Pero estas imaxes están nas nosas mans. Aínda estamos a tempo de coidar e protexer o noso paraíso, o noso fogar, para que os nosos netos poidan chegar a gozar del.