Coñece con nós aos habitantes de Ons, unha vida tranquila e illada que se ve alterada no verán coa chegada de miles de turistas

Mostrando entradas con la etiqueta Ons. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ons. Mostrar todas las entradas

martes, 8 de mayo de 2012

Namorado da illa

A nosa andaina neste blog estase a acabar, e que mellor xeito de facelo que con unha historia tan bonita coma a que vos imos contar. Unha historia que amosa a esencia da vida na illa, unha experiencia que fainos reflexionar, que nos somerxe no mar.


“La capacidad de la gente para sacar una vida digna de ese pedazo de roca en el mar” é o que máis admira o antropólogo sueco Stafan Mörling da illa de Ons, onde viviu na década dos setenta.


Chega á illa nos anos 70 co obxectivo de facer un estudo da embarcación tradicional da zona, a dorna. Pero Staffan namórase dunha isleña, Josefa Otero, coa que casa, e dá vida na illa, e convence ao seu irmán cinematógrafo para que viaxe a Ons a rodar un documento antropolóxico. Este retrato da illa realizado por Stafan e o seu irmán, pouco ten que ver coa situación de despoboamento actual. Ons está esmorecendo pouco a pouco, e con ela as súas características culturais e etnográficas propias.

Staffan intégrase coa illa, séntese vivo, e únese ao traballo de pescador, co que disfruta e aprende día a día da man so seu sogro. Coñece á dorna coma unha parte máis del. Co paso do tempo, decátase de que estas bembarcacións estánse a perder (en xeral, todo o patrimonio marítimo galego,) e con él, parte da cultura, daquela cultura que viviu na illa. Por iso loita por non perdela e escribe libros acerca das embarcacións en Galicia. Co tempo recoñécese moito o seu traballo.


Aquí podemos ver algúns dos artigos sobre o traballo de Staffan:
http://www.culturamaritima.org/node/191




A verdade é que non nos extraña que Staffan se namorase da illa, da súa xente e da súa actividade... 

A maxia do noso paraíso consegue facerse un oco no corazón de todos aqueles que o coñecen.



jueves, 15 de marzo de 2012

Corazóns doídos de tanto golpe de mar...

Hoxe o noso blog respira un aire diferente, un aire de dor e loito. As augas son hoxe augas onde as penas dormen para sempre.
Dous mariñeiros faleceron esta mañá tras envorcar a embarcación na que pescaban nas inmediacións da nosa illa. Recibir noticias como esta fai que os nosos corazóns se encollan fortemente.
Queremos dende o noso blog mandar unha aperta moi grande e todo o noso afecto aos familiares destes mariñeiros.
Gustaríanos ademais facer a nosa particular homenaxe a estes dous mariñeiros e a todos aqueles que morreron levando consigo unha parte de mar. Para eles adicamos este poema.

Alá van os mariñeiros
camiño de altamar
Alá van meus compañeiros
quen sabe se voltarán.
Van a peito descuberto,
van a guerrear co mar,
van arrincar os tesouros
ca mar non quer entregar.
Van soportando galernas
loitando co temporal,
van entre brétemas metidos
que lles impide mirar.
Van en barcos de madeira
en condicións inhumáns,
moitos sen roupas de auga
que os protexa do mar.
Cando van, van vigorosos,
descansados so seu lar.
Cando voltan, voltan cansos
queimados de pelexar.
Traen cardenais no corpo,
cheas de feridas as mans
e os corazóns doídos 
de tanto golpe de mar.
Moitos son os mariñeiros
que se afogaron no mar, 
o mar cobra sempre caro,
a fame que vai quitar.
E o medo que eles pasaron...
¿cómo o poderán olvidar?
os compañeiros que foron polo mar abaixo,
gravados no corazón están.
                                                                                    Grupo poético Brétema


"O mar foi —e aínda o sigue sendo— un descoñocido e un amigo ó mesmo tempo." (Manuel María)


martes, 14 de febrero de 2012

Rodeados de mar

¿Algunha vez vos preguntastes cómo debe ser vivir nunha illa? Lonxe de todo ruído, de toda  contaminación, acompañado sempre desa tranquilidade que ofrece o mar, da soidade, unha soidade compartida sempre cuns poucos veciños, sempre as mesmas caras, a mesma paisaxe ao mirar cada mañá pola ventá…
Vivir sen poder baixar a mercar unha botella de aceite, sen poder baixar ao cine a ver un filme cando se che antolle, con 7 horas ó día de electricidade, tendo o risco de non poder ser atendido en caso de urxencia…  Na illa de Ons, os seus habitantes están acostumados a este xeito de vida e non a cambiarían por ningunha. Non hai comercios, non hai médico, non hai problemas co tráfico, apenas electricidade... Soamente mar, tranquilidade, pesca, agricultura… unha vida baseada no traballo para abastecerse.


O xeito de vida na illa é similar ao de anos atrás. Moitas das comodidades e tecnoloxías da nova sociedade da información e os niveis de consumismo aos que nós estamos tan acostumados, atópanse na illa coas portas pechadas, perdéndose no fondo do mar que a separa. A illa está practicamente incomunicada.
Iremos comprobando ao longo da nosa andaina neste blog, en qué grao os habitantes de Ons están illados, cómo lles afecta o cambio que sofre a illa en verán, cando chegan mareas cargadas de turistas que non ven a illa como un fogar senón como un destino turístico.
Ademais iremos tratando outros temas de relevante importancia e diversos problemas que acontecen actualmente na illa, como a loita que xorde entre as diferentes formas de ver a illa. Por unha banda están os defensores da conservación do parque natural, que pretenden evitar a explotación turística da illa e limitar a pesca, e por outra banda os pescadores, mariscadores e  empresas de transporte de viaxeiros, que se atopan en descontento pola aparición dun novo plan de uso e xestión do Parque, que entre outras medidas establece límites tanto no número de visitas diarias para o turismo como nas posibilidades de pesca.
Outro tema que abordaremos é a loita que manteñen os habitantes por conseguir facerse coas propiedades das casas nas que viven. Así tamén iremos ofrecendo información sobre a vida na illa, os seus habitantes, as repercusións e as vantaxes do turismo, o propio parque natural e a convivencia dos habitantes cos axentes que se encargan do coidado e vixianza do mesmo.
Na seguinte entrada ofreceremos información da illa e do parque natural para que vaiades coñecendo pouco a pouco esta paraxe natural, unha illa que abraia pola beleza das súas praias pero que namora polos seus pequenos recunchos e as súas xentes. Un fogar co que só uns poucos poden contar, unha pequena pedra preciosa das moitas que conforman a nosa terra.

Un pequeno lugar onde as ondas moven as agullas do tempo.